16 dic 2011

LECTURAS PARA O NADAL 2011

Nestas datas do Nadal cheas de reunións familiares, comidas copiosas, agasallos e bos propósitos non está demais aproveitar o tempo cultivando o pracer da lectura. Neste vídeo algúns compañeiros recomendan libros que lles gustaron e que poden despertan a vosa curiosidade.

7 dic 2011

Celebración do 25 de novembro no noso instituto

A semana do 25 de novembro celebramos o día internacional contra a violencia de xénero participando nunha actividade consistente en ir situando diferentes lemas de creación propia nun panel previamente colocado na entrada do noso instituto. Houbo unha votación entre alumnos e profesores para saber cal era o mellor na que resultou gañador José María Pasarín, alumno de PCPI co lema que aquí vedes. Parabéns para el e para todos os participantes!.




25 nov 2011

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO




O día 25 de novembro foi declarado "Día internacional da eliminación da violencia contra a muller" pola Asemblea xeral da ONU, mediante unha resolución do 17 de decembro de 1999. No que vai de ano, 54 mulleres foron asasinadas no Estado español polas súas parellas. Todos e todas debemos poñer algo da nosa parte para que esta lacra non continúe. Para concienciarnos desta tráxica situación podedes visionar estas películas que temos na biblioteca e tratan o asunto da violencia de xénero.

27 oct 2011

LECTURAS RECOMENDADAS POLO SAMAÍN

O alumnado de 2º da ESO fixo unha escolma de libros de misterio e terror que temos na biblioteca e que presentamos no seguinte glogster. Esperamos que vos guste:

26 oct 2011

EU TEÑO MEDO

Ata a súa conversión ao cristinanismo, o Samaín foi a celebración máis importante do calendario celta. Representaba o ritual da última colleita e o regreso dos rabaños aos cortellos. Os celtas asociaban a noite do Samaín co momento no que o mundo dos mortos se abría ao mundo dos vivos, o que convetía esta celebración no momento idóneo para recordar e render culto aos devanceiros falecidos.

Durante a noite do Samaín, os espíritos volvían camiñar sobre a terra, eran benvidos e preparábanse alimentos para eles. En cambio, as almas malignas debían ser escorrentadas para o que os celtas introducían velas rudimentarias no interior das caveiras dos inimigos mortos e colocábanas nos cruces dos camiños e os castros.

Nestes días, nos que a xente acode aos camposantos e as ánimas nos visitan, aproveitamos para falar dos medos e plasmalos neste vídeo. O pretexto foi o epílogo da novela Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo da que fixemos unha versión libre. A nosa idea era despertar curiosidade pola lectura do xénero de misterio e terror facendo tamén un guiño ao cine desa mesma temática. O resultado podédelo ver a continuación:

23 oct 2011

BOTAN A ANDAR AS MOCHILAS VIAXEIRAS 2011-2012


AS MOCHILAS VIAXEIRAS

"Os libros gustan da viaxe e da sorpresa, agardan nos andeis ou nos expositores por esa man que, ao abrilos, poña en funcionamento a maxia da lectura".


Xa están á vosa disposición na biblioteca as mochilas viaxeiras, para que disfrutedes delas vós e as vosas familias. En cada mochila hai unha selección de material para que todos poidades desfrutar da lectura. Tamén hai unha libreta na que tódolos membros da familia poderán facer apuntamentos sobre a actividade, engadir suxerencias, comentarios das lecturas ... O compromiso de todos nós a coidar do material axudará ao bo funcionamento da actividade.


18 oct 2011

PREMIO OUFF ESCOLA 2011 AO MELLOR GUIÓN

O vídeo sobre Lois Pereiro que presentamos ao III Certame de Cinema OUFF Escola que se celebrou onte, 17 de outubro, na cidade de Ourense, alzouse co premio ao mellor guión. O dictamen do xurado foi o seguinte:"Conta cun moi bo guión, orixinal, dinámico e ben documentado, o que demostra que detras dun bo documental precísase un importante traballo de guionización previo. Do mesmo xeito posúe unha coidada realización" Unha representación do alumnado e do profesorado viaxamos ata a "Cidade das Burgas" a recollelo. A mostra deste ano que se enmarcaba dentro da XVI Edición do Festival de Cine Internacional de Ourense pretendía, segundo afirman os organizadores "impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre o seu contorno sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espíritu crítico".
Dende esta bitácora queremos darlle as grazas ao xurado que considerou que a nosa creación era digna de tal galardón e por suposto recoñecer que nos gusta que se premie o traballo laborioso e ben feito.






14 oct 2011

CONGRESO ENCIGA


Ao redor de medio milleiro de profesores de ciencias participarán entre os días 17 e 19 de novembro nun congreso na Fonsagrada no que os docentes presentarán investigacións sobre a materia e intercambiarán información co fin último de mellorar a calidade do ensino nese campo. Ademais, outro dos obxectivos do encontro será achegar o mundo da ciencia á cidadanía.

O simposio, que terá por escenario o noso instituto, está promovido por Enciga, un colectivo que agrupa a docentes de Matemáticas, Bioloxía, Física, Química e Tecnoloxía dos centros educativos galegos non universitarios. Entre os asistentes a este foro figurarán tamén profesores chegados doutras comunidades autónomas e do norte de Portugal.


18 jun 2011

PREMIO DO PÚBLICO NO FESTIVAL AUDIOVISUAL OLLOBOI 2011: BIBLIOMAN

Estamos que non cabemos en nós de gozo. Acabamos de gañar un premio máis para o Instituto co vídeo Biblioman. Onte día 17, os que formamos parte do grupo audiovisual do centro, desprazámonos ata Boiro (A Coruña), para participar na gala de entrega de premios do festival audiovisual galego OLLOBOI que organiza o obradoiro audiovisual RODAXE. Tiñamos dous dos nosos traballos presentados: O lipdub e Biblioman. A nosa sorpresa foi saber que estabamos seleccionados para a final co vídeo Biblioman en dúas categorías: Premio do público e Premio Olloboi Escolar. E por fín chegou o éxtase cando o actor Miguel de Lira (un dos presentadores da gala xunto co director Luís Avilés) dixo: " e o premio do público é para....Bibliomán".


Dende a Biblioteca Escolar, que é o lugar de onde partiron este ano boa parte das iniciativas audiovisuais, e por parte das persoas que directamente levamos os asuntos audiovisuais do centro, queremos agradecerlle a toda a comunidade escolar: profesorado, alumnado, persoal non docente a súa complicidade, os seus ánimos, a súa comprensión e o sentido do humor. Sen todos vós isto non sería posible. GRAZAS MIL!!!!!

De novo colgo a nosa última gran curtametraxe:


14 jun 2011

LOIS PEREIRO NO FONTEM ALBEI

Especial sobre a figura de Lois Pereiro, autor homenaxeado no día das Letras Galegas 2011. Trátase dun programa documental que tenta recoller aspectos da súa vida e obra nun formato que resulte lúdico e entretido. Así pois, a partir de dous presentadores e varios reporteiros, achegámonos á figura deste autor con entrevistas na rúa, traballos no centro e recitados de poemas entre outras actividades que recolle o programa.

7 jun 2011

BIBLIOMAN

Isto só se pode facer no Instituto da Fonsagrada!!! Agora que se achega o final dun longo curso, os que formamos parte do equipo da biblioteca do IES Fontem Albei quixemos dar a nosa particular visión do noso primeiro ano como centro PLAMBE. Empregando como recursos o humor, a retranca, a ironía, a provocación, e por suposto, contando coa colaboración e complicidade do profesorado e do alumnado do centro chegamos a este resultado. A historia que se narra no vídeo é ben sinxela: O bibliotecario escolar está sobrepasado polas circunstancias, está obsesionado co traballo, tanto é así que os libros acumúlanse sen parar, ten pesadelos coa CDU, non se acorda dos nomes dos seus alumnos/as (non ten adicación exclusiva á biblioteca, tamén da clase) e chámaos con nomes de programas informáticos, os compañeiros critícano...Busca a axuda dunha psicoanalista pero non lle serve de moito (está peor ca el). Ante esta situación ao equipo directivo non lle queda outra saída que relegalo do seu cargo, cambiándoo por unha persoa nova, eficiente e preparada: BIBLIOMAN. (Chegaron ventos de cambio á biblioteca escolar).


2 jun 2011

TELEXORNAL: LOIS PEREIRO




En datas próximas publicaremos o resultado do traballo audiovisual que durante os dous últimos meses estivemos gravando sobre a figura de Lois Pereiro, escritor monfortino a quen este ano se lle adicou o Día das Letras Galegas. Haberá unha proxección no salón de actos e difundirémolo a través da canle da Biblioteca en Youtube (Biblifonsa) e no blogue. O formato é unha mestura entre un telexornal e un late show. Temos constancia de que entre o alumnado do centro existe unha grande expectación por ver o resultado, pero tedes que ser conscientes de que se trata dun proxecto ambicioso, onde o material gravado foi moito, que houbo que facer unha selección e que a montaxe resulta complexa. Será unha versión extendida xa que unha máis curta ímola presentar a un par de concursos.




E non vos perdades o vídeo sorpresa de final de curso. Só adiantamos o título: BIBLIOMAN. (As risas están garantizadas).

31 may 2011

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:


Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.


Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

27 abr 2011

EU FALO GALEGO PORQUE...

Agora que falta pouco para o Día das Letras Galegas (17 de maio) unha representación do alumnado e profesorado do centro foi recoller a Santiago o pasado martes, 26 de abril, un premio máis: o correlingua 2011. O vídeo que coordinou o Equipo de Dinamización Lingüística do instituto para promocionar o noso idioma e que resultou gañador aparece a continuación:

13 abr 2011

DÍA DO LIBRO 2011

O vindeiro 23 de abril celébrase o Día mundial do libro. O noso centro quere adicarllo este ano ás obras literarias que foron levadas ao cine, por iso eleximos o lema: "No día do libro, libros de cine". Como a xornada cadra en semana santa, o día no que centraremos as actividades será o vindeiro xoves 28 de abril. Ese día visionaremos á pelicula máis votada de entre as que aparecen nas marxes do blogue. Dende hoxe mesmo podedes ver na biblioteca unha exposición que contén unha selección de películas acompañadas dos libros nos que se basearon. Tamén, nesa data tan especial para calquera biblioteca, podes recomendar aos teus compañeiros/as un libro collendo unha pisada, cubríndoa e pegándoa na parede en dirección á biblioteca.



21 mar 2011

OBRADOIRO DO CÓMIC



O xoves 3 de marzo, un día antes de toda a voráxine que supuxo a gravación do lipdub, visitounos o ilustrador vigués Abraham Carreiro, autor de: As espiñas do porco espiño, O cazador de Cambodia ou A pel do Crocodilo, entre outras. A experiencia foi moi gratificante para o alumnado da E.S.O. Nuria Álvarez Palmeiro, de 3º, relátao así: "...Ensinounos varios métodos para dar vida a un personaxe dun cómic. O primeiro paso foi crear un debuxo sinxelo e logo deseñarlle na cara unha expresión moi esaxerada. Tamén nos comentou a importancia de colorear axeitadamente os debuxos para dar sensación de calor ou frío. En definitiva, a charla versou sobre a elaboración de personaxes, expresións corporais, as cores e todo o que rodea ao proceso da ilustración".

14 mar 2011

LIPDUB IES FONTEM ALBEI

Despois de moito traballo por fin temos o froito: o noso lipdub!!!!!
O Equipo de Dinamización da Biblioteca contando coa colaboración do alumnado e profesorado do centro intervén na construcción da seguinte historia: Un libro esquecido enriba dun contenedor de lixo, despois de ser atopado por unha persoa, inicia un periplo viaxeiro polas distintas dependencias do centro ata chegar á Biblioteca, o seu sitio natural. De paso repasamos a C.D.U (Clasificación Decimal Universal) asociando imaxes, números e cores, o que se chama formación de usuarios.

9 feb 2011

A canción do noso Libdup

Europe - The Final Countdown (Official Video)


Proximamente...!!!!!!

28 ene 2011

SEMANA DA PAZ 2011


Ao longo desta semana leváronse a cabo no centro diferentes actividades para conmemorar o Día da Paz: exposición de libros, representación do símbolo da paz co alumnado e profesorado do centro, elaboración de paneles alusivos á paz e á non violencia,etc. Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar queremos agradecer a colaboración da comunidade escolar para que estes actos foran todo un éxito de implicación e participación.


20 ene 2011

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ





Cada ano, dende 1964, o día 30 de xaneiro celébrase o Día Escolar da No violencia e a Paz (DENIP) en conmemoración do día da morte de Mahatma Gandhi, o home que coa súa loita pacífica e as súas accións de non-violencia, conseguiu que a independencia da India, o seu país natal, se fixese realidade. Tamén se conmemora a morte doutro pacifista, Martin Luther King, que foi asasinado ao igual que Gandhi e do que aprendeu que a resistencia pacífica era a arma máis potente en mans dos oprimidos que loitaban pola súa liberdade. Os americanos escolleron o 15 de xaneiro, día do seu nacemento en 1929 como o día de Luther King.

O DENIP foi creado polo mestre mallorquino Llorenç Vidal, persoa moi comprometida coa convivencia nas aulas que actualmente é inspector de educación na provincia de Cádiz quen, como seguidor de Gandhi e autor de diversos libros e artigos sobre educación para a Paz, lanzou a idea e creou uns materiais didácticos que servisen de pauta para traballar nos centros educativos este tema. "Creouse como unha iniciativa non estatal, nin gobernamental, totalmente independente, libre e voluntaria de educación non violenta e pacificadora", segundo palabras do seu fundador.

O respaldo final chegou cando en 1993 a UNESCO recoñeceu a festa e converteu en Día Mundial o 30 de xaneiro. Este recoñecemento popularizou a mensaxe principal do DENIP e son moitos os colexios, institutos, institucións e organismos que, a nivel mundial, celebran o devandito día con diferentes tipos de actos e actividades.
O Equipo de Dinamización da Biblioteca escolleu unha serie de obras pertencentes aos fondos da mesma que tocan a temática que estamos a comentar, e con iso elaborou a seguinte guía de lectura: