22 dic 2010

POR FIN CHEGOU O NADAL

Tras un longo trimestre, salpicado dalgún día de vacacións extra polas inclemencias meteorolóxicas, chegaron as tan ansiadas vacacións de Nadal.
Dende o EDB queremos desexarvos unhas felices vacións e un Próspero Ano Novo repleto de boas lecturas.



Recordade que o día 13 de xaneiro comeza "O Momento da Lectura" a 2ª hora da mañá (adxúntase horario), que se desenvolverá ao longo da segunda e terceira avaliación para os cursos da ESO. Se non tedes os libros pasade pola Biblioteca a recollelos.

Bo Nadal.




5 dic 2010

PARABÉNS PARA A NOSA ALUMNA FINALISTA

A representante do IES Fontem Albei na modalidade individual no I Concurso "Ler e escoitar", Lucía Rico Freije de 2º da ESO, resultou elixida polo xurado (resolución do día 3 de decembro de 2010 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos) como unha dos cinco mellores lectores que o vindeiro día 16 de decembro participarán na fase final deste evento que terá lugar en Santiago de Compostela. No mesmo, lerán un texto seleccionado polo xurado e outro libremente escollido polo alumno. A duración de cada lectura non poderá sobrepasar os dous minutos de duración.
Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca queremos darlle os parabéns e desexarlle moita sorte. Se queredes ver como se desenvolve lendo pinchade neste enlace.

25 nov 2010

PREMIO CERVANTES 2010


A escritora barcelonesa Ana María Matute resultou galardoada este ano co premio Miguel de Cervantes (chamado o Nóbel das letras hispánicas) o máximo recoñecemento aos escritores españois e latinoamericanos cuxa obra contribuíse a enriquecer o patrimonio da literatura española.


Esta novelista española nacida en Barcelona o 26 de xullo de 1926 tivo unha infancia moi traumática debido a varias enfermidades e á educación que recibiu nun colexio de monxas francesas. A súa primeira novela, escrita en 1943, Pequeno teatro, non se revisou nin publicou ata 1954. Formou parte do grupo de novos autores que, dunha forma obxectiva e realista, denunciaron as consecuencias da guerra e describiron a realidade da sociedade española contemporánea. A súa primeira obra publicada foi Los Abel (1948), pero non se deu a coñecer ata a publicación de Los fillos mortos (1958), novela coa que gañou o premio da Crítica e o Nacional de Literatura. Os Mercadores é unha triloxía que comprende: Primeira memoria, obra coa que gañou o Premio Nadal de 1959; Os soldados choran de noite (1964), premio Fastenrath, e La trampa (1969). O título da triloxía alude a todos os que se aproveitan das miserias alleas.

Outras obras súas son: A torre vixía (1971); O río (1973); Festa ao noroeste (1953) e Vagalumes, que volveu reescribir co título de Nesta terra (1955). Escribiu contos dirixidos aos nenos e, de forma especial, ao seu fillo: Os nenos parvos (1956); Os contos vagabundos (1956); O tempo (1957); Tres contos e un sono (1961); Historias da Artámila (1961); Libro dos xogos para os nenos dos outros, e El polisón de Ulises (1965). Tras un longo período sen publicar, en 1996 editou Olvidado rei Gudú, novela refundida a partir doutra que escribira había vinte e cinco anos e que se converteu nun importante éxito de vendas.


Ao longo da súa carreira literaria foi galardoada tamén cos premios Café Gijón (1952), Fastenrath (1969) e nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (1965 e 1984).


Electa como membro de número da Real Academia Española en 1996, tomou posesión da cadeira de brazos K o día 18 de xaneiro de 1998.

13 nov 2010

DÍA MUNDIAL DA FILOSOFÍA


A UNESCO celebra dende 2002 cada ano e no terceiro xoves de novembro, o Día da Filosofía., tanto na súa sede central de París coma noutras cidades do mundo. En 2005, a Conferencia Xeral da UNESCO instituíu o Día Mundial da Filosofía. O obxectivo da UNESCO é promover unha cultura internacional de debate filosófico que respecte a dignidade humana e a diversidade. Esta xornada promove os intercambios universitarios e subliña a contribución do saber filosófico para facer fronte aos problemas mundiais.

"Filosofía, diversidade cultural e achegamento das culturas" é o tema da celebración deste ano, que terá lugar o 18 de novembro na Sede da UNESCO, no marco do Ano Internacional de Achegamento das Culturas.

10 nov 2010

NOVA ORTOGRAFÍA DA LINGUA ESPAÑOLA


Segundo unha noticia que aparece no xornal La Voz de Galicia, estas navidades aparecerá unha nova edición da "Ortografía de la Lengua Española (OLE)". Parece que vai traer novidades como que a y pasa a chamarse ye, suprímense as tiles dos pronomes demostrativos (este, ese, aquel) e do adverbio solo, a ch e a ll pasan a ser dígrafos e non letras do alfabeto, etc, etc. No enlace aparece parte desta nova actualización.

9 nov 2010

PREMIO PONTE NAS ONDAS

No xornal El Progreso de hoxe (09/11/2010) aparecen a noticia de que unha representación do alumnado do noso IES, que o ano pasado cursaron 1º e 3º da ESO, acudiu a semana pasada a Maia (Portugal) para recoller o premio como gañadores do concurso Ponte nas Ondas. Voltámoslles dar a noraboa e dicimos (afirmamos) que dende os centros pequenos tamén se fan grandes cousas.

1 nov 2010

AUTOR DO MES: NOVEMBRO 2010


O Equipo de Dinamización da Biblioteca (EDB) do Instituto decidiu na última reunión nomear a Eduardo Mendoza, recén galardoado co Premio Planeta 2010, como o Autor do mes. Na marxe dereita da Páxina principal do Blogue tedes un enlace directo a unha Webquest para participar no Concurso. Como libro recomendado deste autor decidímonos por: El misterio de la cripta embrujada. Animádevos a participar.

28 oct 2010

CONCURSO LER E ESCOITAR

Este mércores celebrouse no salón de actos do IES Fontem Albei o proceso de selección para a elección dos nosos representantes no concurso "Ler e Escoitar". O Equipo de Dinamización da Biblioteca quere agradecer a tódolos participantes a súa boa predisposición a participar. Tamén ao xurado integrado este ano por: Josema, Inés, Evaristo, Patricia, Sabela e Cruz.

26 oct 2010

NORABOA GAÑADORES DO CONCURSO PONTE NAS ONDAS

Os 30 alumnos que o ano pasado cursaron primeiro e terceiro de ESO no Instituto da Fonsagrada foron os gañadores do primeiro premio do cuarto Certame de Recollida da Tradición Oral Galego-Portuguesa, no que participaron centros de Galicia e do norte de Portugal.
O fallo foi dado a coñecer pola entidade promotora, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... Nas Ondas. O próximo 3 de novembro recibirano na localidade portuguesa de Maia.

24 oct 2010

AS PRIMEIRAS BIBLIOTECAS DO MUNDO


A construción do primeiro edificio dedicado ao almacenamento e conservación de arquivos de lectura débese ao rei asirio Asurbanipal, no século VII a.C, quen ordenou edificala na cidade de Ninive, preto do río Tigris, a uns quilómetros da actual cidade de Mosul, en Iraq. Construíu a biblioteca no seu pazo e enviou persoas para encontrar tabletas de arxila con rexistros de todos os campos do coñecemento daquela época.

Cando estas tabletas chegaban á biblioteca eran copiadas minuciosamente. Se a peza orixinal tiña un anaco que faltaba ou era ilexible, o escriba tiña a obriga de facer a aclaración pertinente na copia que fixera.

Estímase que a biblioteca de Asurbanipal tiña preto de 1,500 tabletas, cada unha con oitenta e ata 200 liñas de texto. A cidade de Nínive e a biblioteca foron destruídas no ano 612 a.C.


A primeira biblioteca pública estableceuse na cidade-Estado de Atenas (Grecia) no ano 330 a.C.

No mesmo ano construíuse a famosa biblioteca de Alexandría, en Exipto, que contiña 700,000 rolos de papiro co máis selecto da literatura e as ciencias gregas. Foi incendiada por unha turba de cristiáns no ano 640 d.C. Outras bibliotecas importantes foron a biblioteca Ulpia de Roma e a Libraría Imperial Bizantina, creada por Constantino el Grande no século IV d.C



19 oct 2010

BIBLIOBURRO

Argallando pola rede atopei esta curiosa experiencia que se iniciou e continúa nas zonas máis desfavorecidas de Colombia, e estase extendendo a zonas próximas como a veciña Portugal: Denomínase Biblioburro





11 oct 2010

LOS CACHORROS

Con motivo da concesión do Premio Nobel 2010 ao escritor peruano Mario Vargas LLosa, o equipo de dinamización da Biblioteca decidiu nomealo como "Autor do mes" e aconsellar a lectura do libro Los Cachorros.

8 oct 2010

PREGUNTAS DO CORAZÓN

Nas bibliotecas poderás atopar tódalas respostas ás túas preguntas.

Questions of the Heart from Rachael Harrington on Vimeo.

MARIO VARGAS LLOSA PREMIO NOBEL DE LITERATURA 2010


Jorge Mario Pedro Vargas Llosa (Arequipa, Perú, 28 de marzo de 1936), máis coñecido como Mario Vargas Llosa, é un escritor peruano, considerado un dos máis importantes novelistas e ensaístas contemporáneos en lingua española. Foi galardoado co Nobel de Literatura onte. Conta tamén no seu haber co Premio Cervantes (1994) e o Premio Príncipe de Asturias das Letras (1986), entre outros. Vargas Llosa alcanzou a fama na década de 1960 con novelas, tales como La ciudad y los perros(1962), La casa verde (1965) e Conversacion en la Catedral (1969). Aínda continúa escribindo prolíficamente nunha serie de xéneros literarios, incluíndo a crítica literaria e o periodismo. Entre as súas novelas cóntanse comedias, novelas policíacas, novelas históricas e políticas. Varias delas, como Pantaleón e as visitadoras (1973) e La tía Julia y el escribidor (1977), La fiesta del Chivo (2000) foron adaptadas e levada ao cine. Moitas das obras de Vargas Llosa están influenciadas pola percepción do escritor sobre a sociedade peruana e polas súas propias experiencias como peruano; non obstante, de forma crecente tratou temas doutras partes do mundo. Residiu en Europa (entre España, Gran Bretaña, Suíza e Francia) a maior parte do tempo dende 1958, cando iniciou a súa carreira literaria, de modo que na súa obra se percibe tamén unha forte influencia europea. Ao igual que outros autores latinoamericanos, Vargas Llosa foi politicamente activo ao longo da súa carreira. Foi candidato á presidencia do Perú en 1990 polo partido de centroderecha Fronte Democrática (FREDEMO). En 1993, aos seus 57 anos de idade, adoptou tamén a nacionalidade española.
Na nosa Biblioteca temos varios exemplares da súa obra Los Cachorros, que vos animamos a ler e a comentar.

CARTEL DO I CONCURSO LER E ESCOITAR


Con motivo da convocatoria do 1º Concurso "Ler e escoitar" o equipo de dinamización da biblioteca decidiu propoñer a elaboración dun cartel anunciador do mesmo. Tomando prestada a idea do CEIP de Brión, adaptándoa ao noso instituto e, por suposto, contando coa inestimable colaboración da profesora do Departamento de Plástica Paula Alvite, saiu o cartel que aparece a continuación.

2 oct 2010

I Concurso de Lectura en voz alta "LER E ESCOITAR"


A Consellería de Educación, a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, publicou no Portal Educativo a convocatoria do I Concurso de Lectura en voz alta, "LER E ESCOITAR", destinado ao alumnado de 3º Ciclo de Primaria e 1º Ciclo de ESO. O concurso terá unha primeira fase no centro e unha fase autonómica, da que sairán os finalistas da fase última do concurso que se resolverá nun acto de lectura pública. O concurso contempla as modalidades individual e de grupo. Haberá premios para as lectores e os lectores e para os centros de procedencia.

O texto íntegro da convocatoria, coa características do concurso, é o que aparece neste enlace.

Dende o equipo da Biblioteca esperamos que o alumnado do centro se anime a participar.

23 sept 2010

COMEZA O OUTONO


O xoves 23 de setembro de 2010, ás 5 h 9 m hora oficial peninsular, iníciase o outono no hemisferio Norte, segundo o convenio astronómico. Esta estación durará 89 días e 20 horas. O domingo día 31 de outubro terá lugar o cambio de hora, recuperando o horario de inverno. O inverno empezará o día 22 de decembro.

O inicio astronómico das estacións vén dado, por convenio, como o instante en que a Terra pasa por unha determinada posición da súa órbita arredor do Sol. No caso do outono, esta posicion é dende a que o centro do Sol, visto dende a Terra, cruza o ecuador celeste no seu movemento aparente cara ao sur. O día en que isto sucede, a duración do día e a noite practicamente coinciden, e por iso, a esta circunstancia o a chama tamén equinoccio de outono. Neste instante no hemisferio sur iníciase a primavera.

O equinoccio de outono pode darse, como máximo, en catro datas distintas (do 21 ao 24 de setembro). Ao longo do século XXI o outono iniciarase nos días 22 e 23 de setembro (data oficial española), sendo o seu inicio máis temperán o do ano 2096 e o inicio máis tardío o de 2003. As variacións dun ano a outro son debidas ao modo en que encaixa a secuencia de anos segundo o calendario (uns bisestos, outros non) coa duración de cada órbita da Terra arredor do Sol (duración coñecida como ano trópico).


Aquí vos queda un fermoso vídeo sobre o Outono con música dun gran músico da época barroca: Vivaldi

18 sept 2010

XA ESTAMOS AQUÍ!!!

Comezamos unha nova andaina académica coas ilusións renovadas, este ano ainda máis porque, por primeira vez para o noso centro, concedéronnos o PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares). Tamén se incorporaron novos compañeiros/as o Equipo de Dinamización da Biblioteca. Esperamos non defraudar a ningúen.

Aquí vos deixamos un video promocional distribuído pola Biblioteca Central de Helsinki. Como nun conto tradicional, explica como o país foi construíndose a si mesmo, como da semente xurdiu un tronco firme onde se asentaba a biblioteca.Das súas ponlas naceu a industria, a economía, a ciencia, a cultura,... ¿Cal foi o resultado? Pois a creación dunha biblioteca para o futuro. Eso é o que queremos para a nosa.

21 jun 2010

DÍA DA MUSICA

Hoxe día 21, comezando o solsticio de verán, celébrase o día da música. Por iso vos deixamos unha serie de vídeos que conteñen cancións que marcaron toda unha época.

17 jun 2010

DÍA MUNDIAL DO REFUXIADO

A Asemblea Xeral da ONU estableceu "O Día Mundial dos Refuxiados", como unha homenaxe a miles de homes e mulleres no mundo enteiro que tiveron que deixar forzosamente os seus lugares de orixe, as súas actividades económicas, país de nacionalidade ou residencia habitual porque a súa vida, a súa integridade física, a súa seguridade ou as súas liberdades persoais foron vulnerados. Segundo os datos de ACNUR 43,3 millóns de persoas desprazadas forzadamente rexistráronse en todo o mundo a finais de 2009.







O último conflito que está a provocar miles de refuxiados é o que estalou recentemente na república ex-soviética centroasiática de Kirguistán por rázóns étnicas entre kirguises e uzbekos.




Dende a Biblioteca queremos recomendar unha serie de libros para que tomedes conciencia desta grave problemática:

  • Xavier-Laurent Petit: Hijo de la Guerra.
  • Carmen Montalbán: Estás en la luna.
  • José Luis Navarro: Ángeles de arena.
  • Christobel Mattingley: Asmir no quiere pistolas.
  • Marina Mayoral: Tristes armas.

31 may 2010

DÍA MUNDIAL SEN TABACO

Como tema do Día Mundial Sen Tabaco 2010, que se celebrará o 31 de maio deste ano, a Organización Mundial da Saúde (OMS) elixiu «Xénero e tabaco: a promoción do tabaco dirixida ás mulleres».
Dos máis de mil millóns de fumadores que hai no mundo, o 20% son mulleres; con todo, esta cifra vai en camiño de aumentar. As taxas de tabaquismo dos homes alcanzaron o seu punto máis alto, mentres que as das mulleres seguen aumentando. As mulleres constitúen un importante branco de oportunidade para a industria tabacalera, que necesita captar novos consumidores para remplazar a case a metade dos consumidores actuais, que morrerán prematuramente por enfermidades relacionadas co tabaco.
Resulta especialmente perturbadora a prevalencia cada vez maior de consumo de tabaco entre as nenas.
Ao longo do século XXI, o consumo de tabaco podería matar a máis de 1 000 millóns de persoas. En consecuencia, recoñecer a importancia de reducir o consumo de tabaco das mulleres e actuar en consecuencia salvaría moitas vidas.
É triste que se dean situacións como as que amosan estes vídeos sacados de youtube:

5 may 2010

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010



Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, O Courel, 1930 - Santiago de Compostela, 1999) foi un dos escritores máis relevantes en lingua galega de todos os tempos. A súa obra destaca principalmente pola súa poesía paisaxística, que conta cunha longa tradición nas nosas letras. Presenta a paisaxe courelá: as serras e cumes, o son dos ríos que baixan apresurados, a neve e as néboas, a vexetación que cobre os montes, os lobos e aguias que os habitan…, unha natureza grandiosa ante a cal o home queda anulado e reducido a un simple punto no espazo:



Panos brancos
esfiañados
da nebra
ouveando polos vales
polos outos
i as devesas marelas
en busca dun cavorco
ou dunha valiña outa
que os acolla
i os faga acougar¡

fiañas de nebra
rubindo e baixando
á gaiola do aire
polas serras érmedas
e polos soutos espidos
do Nadal¡



Esta poesía, na que o poeta expresa a compenetración e fusión coa natureza, caracterízase pola importancia dos efectos fónicos (aliteración, onomatopeas, fonosimbolismo…) e tamén pola brevidade e condensación dos seus versos, reducidos aos elementos esenciais.
Ademais da poesía paisaxística, cultivou a poesía social; é o caso do longo poema Vietnam canto no que, dende posturas claramente antibelicistas, lanza un berro contra a guerra do Vietnam.


Na súa obra destacan sobre todo os seguintes títulos:
- Os eidos (1955)
- Elexías do Courel e outros poemas (1966)
- Os eidos. Libro do Courel (1981)
- Muller para lonxe (1986)
- Do Courel a Compostela, 1956-1986 (1988)




O Día das Letras Galegas, unha celebración instituida en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en idioma galego ou pola defensa da devandita lingua, está dedicado este ano á este insinge galego.






Aquí vos deixamos unha presentación sobre a obra e a vida de Novoneyra que atopamos en Slideshare:



Aproveitamos tamén para colgar esta fermosa canción instrumental de Luar na lubre, titulada O Son do Ar, que nos transporta ao pasado e ao silencio das paisaxes do Courel:

29 abr 2010

CELEBRACIÓN DO DÍA DO LIBRO 2010

O venres 23 de abril a comunidade educativa do IES Fontem Albei da Fonsagrada celebramos o día do libro. Entre as actividades que realizamos destacan unha exposición de libros antigos aportados na súa meirande parte polo alumnado ainda que tamén colaborou o profesorado. Outro acto salientable foi o maratón de lectura protagonizado polos rapaces do Primeiro e Segundo Ciclo da ESO intercalado con poemas musicados. A xornada resultou moi amena e aínda estamos a desfrutar da mesma pois a exposición que titulamos "Libros Vellos, Bellos Libros" permanecerá na nosa Biblioteca "Afonsa" ata a vindeira semana.

Dende o equipo de Dinamización da Biblioteca, moitas grazas a todos os que fixestes posible esta festa dos libros e da lectura.
Aquí vos deixamos algúns dos poemas musicados que se leron e se escoitaron:



21 abr 2010

DÍA MUNDIAL DA TERRA

O Día Mundial da Terra celébrase tódolos anos o 22 de abril. O seu promotor foi o senador estadounidense Gaylord Nelson que impulsou este festexo co obxectivo de crear conciencia con respecto á contaminación, á conservación da biodiversidade e calquera temática que inflúa na protección do noso planeta. Todo comezou no ano 1970 como un movemento universitario que, debido á presión social que desenvolveu, levou ao goberno dos Estados Unidos a crear unha Axencia de Protección Ambiental e leis destinadas á protección do medio ambiente.
O Día Mundial da Terra é unha celebración que pertence á xente, non está regulada por ningunha administración nin entidade.
Todos e todas podemos axudar á conservación do noso planeta sendo cidadáns responsables, con pequenas accións que xuntas se convirten en grandes: Evitar ruidos molestos, aforrar auga, electricidade, mercar produtos que non dañen o medio, reciclar e reutilizar todo o que sexa posible, etc.,etc., etc.
Aquí vos deixo un fermoso vídeo cunha non menos fermosa canción de Andrea Bocelli adicada ao planeta Terra.





Cando a natureza se revela o ser humano pouco pode facer, véxase senón o que está a ocorrer en Islandia.




Aquí tedes o último informe sobre o estado do planeta elaborado polos especialistas de National Geographic:

8 abr 2010

ABRIL: MES DO LIBRO. A LER!!!

Abril está considerado como o mes do libro. O día 23 deste mes é simbólico para a literatura universal xa que ese día en 1616 faleceron tres grandes xenios da literatura universal: Shakespeare, Cervantes e Inca Garcilaso de la Vega. A conferencia xeral da UNESCO celebrada en París en 1995, decidiu rendir unha homenaxe aos libros e os autores establecendo esa data tan sinalada como o "Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor". A iniciativa dese mesmo organismo, en 2001 Madrid foi nomeada Capital Mundial do libro. Dende entón diferentes capitais do mundo acolleron esta celebración. Este ano 2010 foi nomeada Ljublijana.
En España tómase esta data para a entrega dos Premios Cervantes, o maior galardón das letras hispánicas. En Catalunya celébrase o Día de Sant Jordi no cal as persoas intercambian e agasallan á súa parella con rosas e libros.



Aquí van uns vídeos coa historia do libro e da escritura:

25 mar 2010

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

O día mundial do teatro creouse en 1961 polo Intituto Internacional do Teatro (ITI). Celébrase anualmente o 27 de marzo polos centros ITI e a comunidade teatral internacional. Organízanse distintos eventos de teatro nacional e internacional para resaltar a ocasión. Un dos máis importantes é a distribución da Mensaxe Internacional tradicionalmente escrito por unha personalidade do teatro de talla mundial invitada polo ITI. No 2010 a invitada é a actriz británica Dame Judi Dench que, entre outras películas, participou na saga fílmica de James Bond.
En Madrid a estatua de Valle-Inclán , creador do esperpento, luce ese día unha bufanda branca. Nos seguintes vídeos amósase a orixe do teatro e da traxedia grega.


22 mar 2010

DÍA METEOROLÓGICO MUNDIAL

Tódolos os anos, o 23 de marzo, a Organización Meteorolóxica Mundial, os seus 189 membros e a comunidade meteorolóxica mundial celebran o Día Meteorolóxico Mundial. Este día conmemora a entrada en vigor, en 1950, do Convenio polo que se estableceu esta Organización. O tema deste ano é "60 anos ao servizo da súa seguridade e benestar"
Debido á importancia que ten nos nosos días a predición do tempo e que é un tema de conversación recurrente, deixamos estes vídeos para que vos sirva de aproximación á meteoroloxía.


19 mar 2010

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

O domingo día 21 de marzo de 2010 celébrase o día mundial da poesía.Trátase dunha conmemoración promovida pola UNESCO co obxectivo de recoñecer as actividades poéticas que se realizan nos diferentes países e promover a poesía como unha forma de cultura esencial. Aquí vos van uns vídeos que conteñen a definición do concepto poesía e un fermoso poema de Pablo Neruda.


5 mar 2010

AFONSA, A NOSA BIBLIOTECA

Este é o nome do noso blog, o blog da Biblioteca do IES Fontem Albei. Sabedes que o nome da Fonsagrada provén, segundo a tradición, da Fonte Sagrada onde se pareceu a Virxe. Pero hai tamén outras versións, provintes da transmisión oral e que contan os nosos anciáns. Así, segundo outras lendas, A Fonsagrada fai referencia a unha fonda onde paraban os arrieiros que ían camiño de Lugo. Cando estes chegaban ao cumio da montaña, por onde pasaban para acurtar o seu camiño, preguntábanlle ao home da pousadeira: Onde está Afonsa? Como moitas veces estaba a traballar no campo él respondía: "Afonsa está gradando". Desta expresión "Afonsa grada" provería, segundo esta versión, o topónimo A Fonsagrada.
A nosa Biblioteca quere ser tamén como Afonsa. Acoller a todo aquel que se queira achegar a ela; un lugar de encontro co pasado para comprender mellor o presente dende o legado dos nosos devanceiros. Un lugar de lectura, estudo, manexo de información e desfrute deste tesouro que se agocha nos libros.
Afonsa ten moito que ler e contar...