Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, O Courel, 1930 - Santiago de Compostela, 1999) foi un dos escritores máis relevantes en lingua galega de todos os tempos. A súa obra destaca principalmente pola súa poesía paisaxística, que conta cunha longa tradición nas nosas letras. Presenta a paisaxe courelá: as serras e cumes, o son dos ríos que baixan apresurados, a neve e as néboas, a vexetación que cobre os montes, os lobos e aguias que os habitan…, unha natureza grandiosa ante a cal o home queda anulado e reducido a un simple punto no espazo:
Panos brancos
esfiañados
da nebra
ouveando polos vales
polos outos
i as devesas marelas
en busca dun cavorco
ou dunha valiña outa
que os acolla
i os faga acougar¡
fiañas de nebra
rubindo e baixando
á gaiola do aire
polas serras érmedas
e polos soutos espidos
do Nadal¡
Esta poesía, na que o poeta expresa a compenetración e fusión coa natureza, caracterízase pola importancia dos efectos fónicos (aliteración, onomatopeas, fonosimbolismo…) e tamén pola brevidade e condensación dos seus versos, reducidos aos elementos esenciais.
Ademais da poesía paisaxística, cultivou a poesía social; é o caso do longo poema Vietnam canto no que, dende posturas claramente antibelicistas, lanza un berro contra a guerra do Vietnam.
Na súa obra destacan sobre todo os seguintes títulos:
- Os eidos (1955)
- Elexías do Courel e outros poemas (1966)
- Os eidos. Libro do Courel (1981)
- Muller para lonxe (1986)
- Do Courel a Compostela, 1956-1986 (1988)
O Día das Letras Galegas, unha celebración instituida en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en idioma galego ou pola defensa da devandita lingua, está dedicado este ano á este insinge galego.
Aquí vos deixamos unha presentación sobre a obra e a vida de Novoneyra que atopamos en Slideshare:
UxíO Novoneyra
View more presentations from guestdd26f0e.
Aproveitamos tamén para colgar esta fermosa canción instrumental de Luar na lubre, titulada O Son do Ar, que nos transporta ao pasado e ao silencio das paisaxes do Courel:
No hay comentarios:
Publicar un comentario