Mostrando entradas con la etiqueta Día letras galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Día letras galegas. Mostrar todas las entradas

17 may 2012

DÍA DAS LETRAS GALEGAS


Hoxe, 17 de maio, é o Día das letras galegas. O personaxe homenaxeado este ano é Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra 1898-Vigo, 1987). Este autor exerceu como xurista, político e escritor galego. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en 1921. Introduciuse no mundo da literatura por medio do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Este último presentoulle a Castelao, que influiría de forma relevante na súa obra.
Canto á súa actividade política, pasou a formar parte do movemento galeguista e en 1919 participou na II Asamblea Nacionalista. Foi presidente do Grupo Autonomista Gallego (1930) e militante e secretario, desde 1934, do Partido Galeguista. Foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 e participou na redación do Estatuto de Galicia (1936).
Xa na época da Restauración Borbónica fixo parte da Xunta Democrática, da Comisión dos 10 e da Plataforma de Organizaciones Democráticas. Asimesmo, foi senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Gallega nas Cortes Constituíntes (1977-1978).
Grazas ao seu labor como xurista axudou, durante a Guerra Civil Española a moitos galeguistas a fuxir e defendeunos das penas que se lles imputaban. Foi desterrado a Verín, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e finalmente a Badaxoz. Foi detido varias veces debido aos seus artigos e á súa orientación política.
A respecto da súa actividade xornalística, cómpre mencionar que foi director do xornal Galicia (1922-1926), colaborador da Gaceta de Galicia, publicou tamén artigos políticos en El Pueblo Gallego, ademais de no Faro de Vigo e no xornal La Noche. Alén disto, foi director da revista Industrias Pesqueras (1942).
Foi colaborador en O Ensino, Grial e Outeiro elaborando artigos literarios, nomeadamente sobre Castelao. Tamén redixiu artigos de carácter económico e político en El País, La Vanguardia e en Industrias Conserveras.
Foi un dos principais promotores e logo vicepresidente do grupo industrial Pescanova. Exerceu tamén como técnico da FAO. Debido a isto publicou o primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera (1954).
Cómpre destacar o seu papel de escritor polifacético pois escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, mostrando a súa preocupación polo progreso de Galicia, así como tamén redactou diversas obras especializadas en temas pesqueiros.
Porén, non só se dedicou ao ensaio, pois Valentín Paz-Andrade formou parte, asemade, da Xeración poética de 1925 onde observamos unha importante orientación patriótica. Algunhas das súas obras poéticas son Pranto Matricial(1954), Sementeira do Vento (1968) e Cen chaves de sombra (1979). Tamén fixo algunha incursión pola narrativa coa obra inédita Soldado da morte (1921).
Como consecuencia de todo o seu labor, tanto xornalístico como literario foi galardoado en númerosas ocasións: en 1964 foi elixido membro da Real Academia Galega e da Academia Galega das Ciencias, recibiu o Pedrón de Ouro en 1975 e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1986), entre outros.

Fonte: Biblioteca Virtual Galega.

14 jun 2011

LOIS PEREIRO NO FONTEM ALBEI

Especial sobre a figura de Lois Pereiro, autor homenaxeado no día das Letras Galegas 2011. Trátase dun programa documental que tenta recoller aspectos da súa vida e obra nun formato que resulte lúdico e entretido. Así pois, a partir de dous presentadores e varios reporteiros, achegámonos á figura deste autor con entrevistas na rúa, traballos no centro e recitados de poemas entre outras actividades que recolle o programa.

2 jun 2011

TELEXORNAL: LOIS PEREIRO




En datas próximas publicaremos o resultado do traballo audiovisual que durante os dous últimos meses estivemos gravando sobre a figura de Lois Pereiro, escritor monfortino a quen este ano se lle adicou o Día das Letras Galegas. Haberá unha proxección no salón de actos e difundirémolo a través da canle da Biblioteca en Youtube (Biblifonsa) e no blogue. O formato é unha mestura entre un telexornal e un late show. Temos constancia de que entre o alumnado do centro existe unha grande expectación por ver o resultado, pero tedes que ser conscientes de que se trata dun proxecto ambicioso, onde o material gravado foi moito, que houbo que facer unha selección e que a montaxe resulta complexa. Será unha versión extendida xa que unha máis curta ímola presentar a un par de concursos.




E non vos perdades o vídeo sorpresa de final de curso. Só adiantamos o título: BIBLIOMAN. (As risas están garantizadas).

5 may 2010

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010



Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, O Courel, 1930 - Santiago de Compostela, 1999) foi un dos escritores máis relevantes en lingua galega de todos os tempos. A súa obra destaca principalmente pola súa poesía paisaxística, que conta cunha longa tradición nas nosas letras. Presenta a paisaxe courelá: as serras e cumes, o son dos ríos que baixan apresurados, a neve e as néboas, a vexetación que cobre os montes, os lobos e aguias que os habitan…, unha natureza grandiosa ante a cal o home queda anulado e reducido a un simple punto no espazo:



Panos brancos
esfiañados
da nebra
ouveando polos vales
polos outos
i as devesas marelas
en busca dun cavorco
ou dunha valiña outa
que os acolla
i os faga acougar¡

fiañas de nebra
rubindo e baixando
á gaiola do aire
polas serras érmedas
e polos soutos espidos
do Nadal¡



Esta poesía, na que o poeta expresa a compenetración e fusión coa natureza, caracterízase pola importancia dos efectos fónicos (aliteración, onomatopeas, fonosimbolismo…) e tamén pola brevidade e condensación dos seus versos, reducidos aos elementos esenciais.
Ademais da poesía paisaxística, cultivou a poesía social; é o caso do longo poema Vietnam canto no que, dende posturas claramente antibelicistas, lanza un berro contra a guerra do Vietnam.


Na súa obra destacan sobre todo os seguintes títulos:
- Os eidos (1955)
- Elexías do Courel e outros poemas (1966)
- Os eidos. Libro do Courel (1981)
- Muller para lonxe (1986)
- Do Courel a Compostela, 1956-1986 (1988)




O Día das Letras Galegas, unha celebración instituida en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en idioma galego ou pola defensa da devandita lingua, está dedicado este ano á este insinge galego.






Aquí vos deixamos unha presentación sobre a obra e a vida de Novoneyra que atopamos en Slideshare:



Aproveitamos tamén para colgar esta fermosa canción instrumental de Luar na lubre, titulada O Son do Ar, que nos transporta ao pasado e ao silencio das paisaxes do Courel: