31 may 2010

DÍA MUNDIAL SEN TABACO

Como tema do Día Mundial Sen Tabaco 2010, que se celebrará o 31 de maio deste ano, a Organización Mundial da Saúde (OMS) elixiu «Xénero e tabaco: a promoción do tabaco dirixida ás mulleres».
Dos máis de mil millóns de fumadores que hai no mundo, o 20% son mulleres; con todo, esta cifra vai en camiño de aumentar. As taxas de tabaquismo dos homes alcanzaron o seu punto máis alto, mentres que as das mulleres seguen aumentando. As mulleres constitúen un importante branco de oportunidade para a industria tabacalera, que necesita captar novos consumidores para remplazar a case a metade dos consumidores actuais, que morrerán prematuramente por enfermidades relacionadas co tabaco.
Resulta especialmente perturbadora a prevalencia cada vez maior de consumo de tabaco entre as nenas.
Ao longo do século XXI, o consumo de tabaco podería matar a máis de 1 000 millóns de persoas. En consecuencia, recoñecer a importancia de reducir o consumo de tabaco das mulleres e actuar en consecuencia salvaría moitas vidas.
É triste que se dean situacións como as que amosan estes vídeos sacados de youtube:

5 may 2010

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010



Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, O Courel, 1930 - Santiago de Compostela, 1999) foi un dos escritores máis relevantes en lingua galega de todos os tempos. A súa obra destaca principalmente pola súa poesía paisaxística, que conta cunha longa tradición nas nosas letras. Presenta a paisaxe courelá: as serras e cumes, o son dos ríos que baixan apresurados, a neve e as néboas, a vexetación que cobre os montes, os lobos e aguias que os habitan…, unha natureza grandiosa ante a cal o home queda anulado e reducido a un simple punto no espazo:



Panos brancos
esfiañados
da nebra
ouveando polos vales
polos outos
i as devesas marelas
en busca dun cavorco
ou dunha valiña outa
que os acolla
i os faga acougar¡

fiañas de nebra
rubindo e baixando
á gaiola do aire
polas serras érmedas
e polos soutos espidos
do Nadal¡



Esta poesía, na que o poeta expresa a compenetración e fusión coa natureza, caracterízase pola importancia dos efectos fónicos (aliteración, onomatopeas, fonosimbolismo…) e tamén pola brevidade e condensación dos seus versos, reducidos aos elementos esenciais.
Ademais da poesía paisaxística, cultivou a poesía social; é o caso do longo poema Vietnam canto no que, dende posturas claramente antibelicistas, lanza un berro contra a guerra do Vietnam.


Na súa obra destacan sobre todo os seguintes títulos:
- Os eidos (1955)
- Elexías do Courel e outros poemas (1966)
- Os eidos. Libro do Courel (1981)
- Muller para lonxe (1986)
- Do Courel a Compostela, 1956-1986 (1988)




O Día das Letras Galegas, unha celebración instituida en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en idioma galego ou pola defensa da devandita lingua, está dedicado este ano á este insinge galego.






Aquí vos deixamos unha presentación sobre a obra e a vida de Novoneyra que atopamos en Slideshare:



Aproveitamos tamén para colgar esta fermosa canción instrumental de Luar na lubre, titulada O Son do Ar, que nos transporta ao pasado e ao silencio das paisaxes do Courel: