29 ene. 2020

CHARLA-COLOQUIO CON MARÍA SOLAR


O pasado mércores 22 os grupos de 3o e 4o da ESO asistiron no CPR San Xosé de Lugo a unha charla da escritora María Solar, autora da novela Os nenos da varíola.

Nunha amena exposición a autora falou do letal que era esta enfermidade, mostrándonos imaxes de persoas afectadas e, a raíz diso, recalcou o importante que foi para toda a humanidade a extensión da vacina, que tivo o seu punto de inicio no porto da Coruña e grazas, entre outros, a nenos pertencentes aos hospicios de Santiago e da Coruña. A Real Expedición Filantrópica da Vacina que levou a cura desta enfermidade cara a América foi un fito importante na historia mundial e a autora opina que debería ser un feito que debería
formar parte do currículo escolar.

María Solar contounos como chegou a investigar sobre este asunto e escribir a novela e
falounos dos personaxes reais desta expedición: o doutor Balmis, a enfermeira Isabel
Zendal (reitora do hospicio da Coruña) e dos nenos que participaron como portadores da
vacina nesta arriscada expedición. A autora quixo sacar do anonimato a estes nenos e
facerlles unha homenaxe neste libro para que non quedasen no esquezo.

Realmente foi unha charla moi interesante. Os rapaces xa tiñan lido a novela e fixéronlle varias preguntas á autora sobre el. Como broche final grazas á amabilidade da escritora,
puidemos facer unha foto de todo o grupo con ela.

Moitas grazas, María Solar, por achegarnos a túa sabedoría pero tamén a paixón e entrega
posta nas empresas que levas a cabo, buscando o lado mais humano da realidade, e que s
tan ben sabes transmitir.

Logo desta charla fomos tamén a Rocolugo, o rocódromo de Lugo inaugurado
recentemente, e alí a rapazada disfrutou escalando e incluso facendo xogos propostos
polos monitores.

Foi unha mañá completa e ben aproveitada na que tiveron cabida a literatura e o deporte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario