As mulleres teñen un papel importante na consecución da paz e o progreso social. A súa participación activa e en condicións de igualdade respecto aos homes contribúe á paz e á seguridade internacionais.
É especialmente controvertida a explicación de por que se elixiu o día 8 de marzo como Día da Muller. A versión máis escoitada no noso país é que se conmemora un incendio provocado polo dono dunha fábrica o 8 de marzo en Nova York no que morreron 129 mulleres traballadoras que estaban en folga. Esta explicación carece de fundamento, xa que tal suceso non se produciu. Si houbo un incendio en 1911 nunha fábrica téxtil en Nova York un 25 de marzo, no que faleceron 147 mulleres de entre 13 e 30 anos, a maioría inmigrantes que traballaban en penosas condicións. A data do 8 de marzo consolidouse a partir do levantamento de mulleres rusas nesa data de 1917 reclamando alimentos, día que se considera o comezo da Revolución Rusa.
As Nacions Unidas quixeron recoñecer a importancia das mulleres, e dende 1977 os estados membros celebran o Día Internacional da Muller no que se reclama a igualdade de dereitos e de condicións de vida para as mulleres, nun mundo no que tradicionalmente marxinou á metade da súa poboación pola única razón do seu sexo.
Hoxe en día a situación das mulleres en moitos lugares do mundo segue a ser complicada. Sirvan estes datos aportados pola ONU:
- A maioría das 1.300 millons de persoas que viven na extrema pobreza no mundo son mulleres.
- Por termo medio, a muller percibe un soldo entre un 30 e un 40 por cento menor que o que recibe o home polo mesmo traballo.
- No mundo hai 130 millóns de nenos e nenas sen escolarizar. Destes, dous de cada tres son nenas.
- A muller continúa sendo vítima da violencia; a violación e a violencia doméstica seguen figurando entre as principais causas de minusvalidez e mortaldade das mulleres en idade de procrear.
Para celebrar este día, dende a biblioteca escolar suxerímosvos estes libros que se achegan á vida das mulleres dende distintas perspectivas:
No hay comentarios:
Publicar un comentario