25 nov 2022

25N Día Internacional contra a Violencia de Xénero



    
No día de hoxe, 25N, quixemos xuntarnos ao alumnado do CEIP Santa María e da Escola Infantil para sumármonos ás reivindicacións e mobilizacións que se están levando a cabo en diferentes partes do mundo. Porque máis alá das violencias máis visíbeis e extremas, como a violencia sexual ou os feminicidios, existen moitas outras que normalmente pasan desapercibidas, como a económica, a laboral, a institucional, a psicolóxica, a trata de persoas ou a obstétrica, entre outras.
    Por iso, consideramos que é urxente erradicar os piares que xustifican as agresións, as discriminacións, as desigualdades e os obstáculos que sofren as mulleres, as nenas e outros colectivos invisibilizados ou considerados fóra da norma xeral. 
    Esta mañá, gardamos un minuto de silencio por todas as vítimas e lemos o manifesto, o cal podedes escoitar no vídeo de embaixo. Ademais, durante esta semana estivemos traballando para crear un mural, onde o artista Amador Arias colaborou co deseño central e a quen lle queremos mostrar o noso fondo agradecemento. 

NIN UNHA MENOS!














24 nov 2022

1ª Tertulia Literaria

 Hoxe tivemos a primeira xuntanza das Tertulias Literarias. A partir de series e filmes tratamos de analizar  e valorar os varios tipos de relacións, así como tamén reflexionar sobre o amor tóxico. 







17 nov 2022

Mes da Ciencia en galego

 Novembro é o Mes da Ciencia en galego. Ben é certo que o sistema cultural galego centrou nas artes e nas humanidades os seus esforzos na difusión da lingua galega. Mais... onde ficou a ciencia? A maior parte das publicacións científicas son publicadas en inglés para teren un maior impacto, mais non por isto se debe renunciar á nosa lingua nai. 


O galego precisa tamén da ciencia para sobrevivir e prestixiarse, para que non deixe de existir o que se deixa de nomear. Precisamos escribir e falar de matemáticas, de física, de astronomía, de química e de bioloxía. Precisamos dicir “xofre”, “Xúpiter”, “fungo”, “casula”e “funil”; “xene”, “ollomol”, “píntega”, “amieiro” ou “ril”. Así conseguiremos ter, algún día, unha verdadeira lingua de laboratorio.

Este ano 2022 os homenaxeados son o matemático francés Evaristo Galois e a oceanógrafa e zoóloga galega Ángeles Alvariño

Por último, non deixedes de pasar pola biblio para empaparvos de ciencia!!!




13 nov 2022

20 anos do afundimento do Prestige

O 13 de novembro cumpríronse dúas décadas do afundimento do Prestige. Unha catástrofe que afectou a 3.000 km da costa galega, ademais do litoral portugués, francés e español. Ante tal desastre medioambiental, unha marea branca de persoas voluntarias de diferentes lugares achegáronse aos areais para limpar o chapapote, así como tamén se crea a plataforma cidadá Nunca Máis que pretendía reclamar responsabilidades polo desastre ecolóxico e pola xestión política levada a cabo.

Desde o centro argallamos un recuncho para que o acontecido non caia no esquecemento.



11 nov 2022

Participamos na creación do Manifesto Correlingua 2023

O noso centro foi un dos tres afortunados da provincia de Lugo en participar na creación do Manifesto do Correlingua do vindeiro ano. Ana Carreira impartiu un obradoiro de escrita creativa onde, a partir de imaxes, palabras e frases tiradas de xornais e revistas, o alumando creou lemas reivindicativos.
Deixámosvos unhas imaxes da actividade.













4 nov 2022

Novidades na biblio!!!

Vimos informarvos de que temos novidades bibliográficas:

- O xornal ilustrado mensual Papagaio que ten o propósito de divertir e mostrar todo o que acontece no mundo e, sobre todo, en Galicia: na ciencia, na cultura, no deporte etc.

- Para os amantes da Historia, o cómic Galicia - Norte de Portugal, que percorre a historia dos dous países a través de cinco capítulos, dende os primeiros poboadores destas terras até o momento actual.

- A triloxía de literatura fantástica Los guardianes de la ciudadela.

- Carrusel de Bérta Dávila, unha novela que ten como fondo a saúde mental. 


Agardamos que vos gusten!