Vaia festa de Nadal que tivemos este ano! Partido de Baloncesto, que gañaron os profes, concurso de postais de Nadal organizado polo EDNL , o concurso Atrapa Un Millon con millóns de fonsis de premio,que se puideron cambiar por doces, e o karaoke no que nos animamos alumnos e profe. Foi a primeira vez na que ninguén quería marchar do Instituto.
Podedes ver tódalas fotos pinchando AQUI
6 nov 2012
O Ecosistema e os cogomelos
Como estamos en outono,toca aprender un pouco sobre os seus froitos.E como non podía ser de outro xeito,estamos a aprender sobre cogomelos.
Gloria,a profesora de Ciencias Socias de 1º e 2º da E.S.O. fixo un ecosistema cos seus alumn@s no que non falta detalle.E nese ecosistema temos diferentes tipos de cogomelos, dos que aprendimos sobre as suas características,como recollelos,e algúns ata como cociñalos.
O remate de toda esta aprendizaxe será ó venres na hora do recreo,no que teremos unha degustación de pizzas elaboradas con diferentes tipos de cogomelos.
Unha actividade cun final ben sabroso,non si?
Se queredes ver todas as fotos do Ecosistema e dos cogomelos podededes facelo no Facebook do Insituto.
5 nov 2012
Samaín na Biblioteca
O Samaín/Halloween tamén chegou á nosa Biblioteca,e quedou terrorífica.Paula, a profe de Educación Plástica e os seus alumnos e alumnas de 1º de BAC e de 1º da ESO fixeron un traballo de medo!!Lectores sen cabeza,tumbas,corvos,morcegos,cabazas...Non falta nada!!
Aquí podedes ver unha mostra terrorifica.O resto das fotos están no Facebook do Instituto.
24 oct 2012
17 oct 2012
Manifestación de estudantes na Fonsagrada
Hoxe, día 17 de outubro, os alumnos do IESP Fontem Albei manifestáronse facendo un parón no tempo lectivo as 12:30 no que percorreron as principais rúas da vila expresando o seu descontento cas últimas medidas tomadas en materia de educación berrando diferentes cánticos de protesta e pegando varios carteis satíricos. Mañá farán unha folga que durará todo o día lectivo polas mesmas razóns antes mentadas.
Outubro,mes das bibliotecas
Outubro é o mes das Bibliotecas e para conmemoralo, propoñémosvos un xogo.
No panel da Biblioteca que está colocado na entrada da mesma hai un papel-mural que de momento está en branco,pero temos que enchelo.
Para enchelo,ocurríusenos unha idea.
Cada un de vos, que queira participar no xogo, terá que coller o libro que estea lendo neste momento. Senón estades lendo ningún, non hai problema, collede o libro que teñades máis a man.
Abrídeo pola páxina 56 e escollede a 5ª liña
Escribide esa liña no papel-mural
Deixade tamén o voso nome,curso,título e autor do libro.
Animámosvos a participar tanto escribindo como lendo o que hai no papel-mural.Ó mellor descubrides algunha frase interesante e vos entran ganas de ler ese libro.
BO MES DAS BIBLIOTECAS A TOD@S
Se queredes var mais fotos,visitade a páxina do Facebook do Instituto.
4 oct 2012
24 jun 2012
XOGANDO COA ARTE NA FONSAGRADA
Ao longo do presente curso, no IES Fontem Albei fixemos unha recreación de cadros máis ou menos coñecidos da historia da pintura con personaxes de carne e óso. A idea era crear un material suxestivo de cara a traballar o próximo ano co PDI que denominamos Cadros recreados: Xogando coa arte na Fonsagrada.
17 may 2012
DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Hoxe, 17 de maio, é o Día das letras galegas. O personaxe homenaxeado este ano é Valentín Paz-Andrade (Lérez, Pontevedra 1898-Vigo, 1987). Este autor exerceu como xurista, político e escritor galego. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e licenciouse en 1921. Introduciuse no mundo da literatura por medio do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Este último presentoulle a Castelao, que influiría de forma relevante na súa obra.
Canto á súa actividade política, pasou a formar parte do movemento galeguista e en 1919 participou na II Asamblea Nacionalista. Foi presidente do Grupo Autonomista Gallego (1930) e militante e secretario, desde 1934, do Partido Galeguista. Foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 e participou na redación do Estatuto de Galicia (1936).
Xa na época da Restauración Borbónica fixo parte da Xunta Democrática, da Comisión dos 10 e da Plataforma de Organizaciones Democráticas. Asimesmo, foi senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Gallega nas Cortes Constituíntes (1977-1978).
Grazas ao seu labor como xurista axudou, durante a Guerra Civil Española a moitos galeguistas a fuxir e defendeunos das penas que se lles imputaban. Foi desterrado a Verín, Castro Caldelas, A Pobra de Trives e finalmente a Badaxoz. Foi detido varias veces debido aos seus artigos e á súa orientación política.
A respecto da súa actividade xornalística, cómpre mencionar que foi director do xornal Galicia (1922-1926), colaborador da Gaceta de Galicia, publicou tamén artigos políticos en El Pueblo Gallego, ademais de no Faro de Vigo e no xornal La Noche. Alén disto, foi director da revista Industrias Pesqueras (1942).
Foi colaborador en O Ensino, Grial e Outeiro elaborando artigos literarios, nomeadamente sobre Castelao. Tamén redixiu artigos de carácter económico e político en El País, La Vanguardia e en Industrias Conserveras.
Foi un dos principais promotores e logo vicepresidente do grupo industrial Pescanova. Exerceu tamén como técnico da FAO. Debido a isto publicou o primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera (1954).
Cómpre destacar o seu papel de escritor polifacético pois escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, mostrando a súa preocupación polo progreso de Galicia, así como tamén redactou diversas obras especializadas en temas pesqueiros.
Porén, non só se dedicou ao ensaio, pois Valentín Paz-Andrade formou parte, asemade, da Xeración poética de 1925 onde observamos unha importante orientación patriótica. Algunhas das súas obras poéticas son Pranto Matricial(1954), Sementeira do Vento (1968) e Cen chaves de sombra (1979). Tamén fixo algunha incursión pola narrativa coa obra inédita Soldado da morte (1921).
Como consecuencia de todo o seu labor, tanto xornalístico como literario foi galardoado en númerosas ocasións: en 1964 foi elixido membro da Real Academia Galega e da Academia Galega das Ciencias, recibiu o Pedrón de Ouro en 1975 e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1986), entre outros.
Fonte: Biblioteca Virtual Galega.
23 abr 2012
DÍA DO LIBRO 2012
Este ano conmemórase o centenario do poeta Celso Emilio Ferreiro Míguez (Celanova, 1912-Vigo, 1979) un dos máximos representantes da poesía social e politicamente comprometida coa cultura de Galicia. Foi o fundador das Mocedades Galeguistas en 1934 e cofundador da UPG (Unión do Pobo Gaelgo) en 1964. En 1966, sentindo moi próximo o alento da persecución das forzas represivas do réxime franquista, emigra (máis ben habería que falar de exilio) a Venezuela onde permanece ata 1973. Nese ano regresou a España e instalouse en Madrid.
Na súa obra destacan títulos como: O soño asulagado (1955), Viaxe ao país dos ananos (1968), Terra de Ningures (1969), Onde o mundo se chama Celanova (1975) ou, sen dúbida o máis coñecido, Longa noite de pedra (1962) no que plasma o seu antibelicismo, o rexeitamento da opresión política e as ansias de liberdade. En 1989 dedicóuselle o Día das letras galegas.
No IES Fontem Albei, coincidindo con esta efeméride, decidimos celebrar o Día do libro lendo en voz alta anacos de poemas deste gran escritor galego ademais doutras actividades que podedes ver no facebook. Este é o resultado:
12 abr 2012
VÍDEO CORRELINGUA 2012
Para a edición actual 2012 do concurso de vídeo do Correlingua, o noso centro presentou a creación que aparece máis abaixo, baseada nunha composición feita "ex profeso" polo rapeiro e alumno de 2º de Bacharelato Óscar Díaz Mon "El Greira" que aparece acompañado polo resto de compañeiros e compañeiras da súa clase. A frescura é innegable e a letra, en defensa da nosa lingua, é clara e contundente, non ten desperdicio. Esperamos que vos guste.
14 mar 2012
VISITA DE XABIER P. DOCAMPO
No día de hoxe visitounos o escritor chairego Xabier P. Docampo. Este mestre xubilado (exerceu a docencia durante 40 anos) foi e é un home polifacético. Estivo sempre relacionado con movementos de renovación pedagóxica e traballou sempre a prol da cultura galega: foi actor e director de teatro, guionista de cine e televisión, director de programas de radio, coautor de libros de texto, formou parte do equipo iniciador de Preescolar na casa e por suposto escritor de libros con grandes éxitos de vendas como O misterio das badaladas, A chave das noces ou Cando petan na porta pola noite, polo que foi galardoado con diferentes premios. As súas dotes de narrador deixounas ben patentes no encontro que mantivo cos rapaces dos distintos niveis educativos que seguiron con atención os seus comentarios entre os que deixou interesantes reflexións como que "a lectura é un acto de rebeldía".
7 mar 2012
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
As mulleres teñen un papel importante na consecución da paz e o progreso social. A súa participación activa e en condicións de igualdade respecto aos homes contribúe á paz e á seguridade internacionais.
É especialmente controvertida a explicación de por que se elixiu o día 8 de marzo como Día da Muller. A versión máis escoitada no noso país é que se conmemora un incendio provocado polo dono dunha fábrica o 8 de marzo en Nova York no que morreron 129 mulleres traballadoras que estaban en folga. Esta explicación carece de fundamento, xa que tal suceso non se produciu. Si houbo un incendio en 1911 nunha fábrica téxtil en Nova York un 25 de marzo, no que faleceron 147 mulleres de entre 13 e 30 anos, a maioría inmigrantes que traballaban en penosas condicións. A data do 8 de marzo consolidouse a partir do levantamento de mulleres rusas nesa data de 1917 reclamando alimentos, día que se considera o comezo da Revolución Rusa.
As Nacions Unidas quixeron recoñecer a importancia das mulleres, e dende 1977 os estados membros celebran o Día Internacional da Muller no que se reclama a igualdade de dereitos e de condicións de vida para as mulleres, nun mundo no que tradicionalmente marxinou á metade da súa poboación pola única razón do seu sexo.
Hoxe en día a situación das mulleres en moitos lugares do mundo segue a ser complicada. Sirvan estes datos aportados pola ONU:
- A maioría das 1.300 millons de persoas que viven na extrema pobreza no mundo son mulleres.
- Por termo medio, a muller percibe un soldo entre un 30 e un 40 por cento menor que o que recibe o home polo mesmo traballo.
- No mundo hai 130 millóns de nenos e nenas sen escolarizar. Destes, dous de cada tres son nenas.
- A muller continúa sendo vítima da violencia; a violación e a violencia doméstica seguen figurando entre as principais causas de minusvalidez e mortaldade das mulleres en idade de procrear.
Para celebrar este día, dende a biblioteca escolar suxerímosvos estes libros que se achegan á vida das mulleres dende distintas perspectivas:



1 feb 2012
DÍA ESCOLAR DA PAZ
A nosa modesta contribución á celebración do día da paz (30/01/2012) foi este sinxelo flashmob (que a algún e a algunha deixou sorprendido/a) que levou a cabo o alumnado de 3º ESO. Para iso, interpretaron o contido da canción Imagine de John Lennon empregando unha linguaxe xestual creada por eles mesmos.
Imaxina o día da paz 2012 from Fontem Albei on Vimeo.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)